Basílica de San Martiño | Castro de Fazouro | A Frouxeira | Construcións etnográficas | Outros monumentos |
A Basílica de San Martiño conta con persoal que amablemente realiza un percorrido explicativo para aquelas persoas ou grupos que desexen coñecer máis detidamente os segredos deste monumento.
No interior da mesma, existe un libro de sinaturas onde apoiar a candidatura desta Basílica como Monumento Patrimonio da Humanidade.
A Basílica pode visitarse no seguinte horario:
Horario de inverno | ||
---|---|---|
Día | Horario de mañán | Horario de tarde |
de mércores a domingo | de 10.30h a 14h | de 16h a 19h |
Luns e martes pechado. |
24 e 31 de decembro aberto só pola mañá. 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro e sábado anterior a martes de entroido pechado.
Horario de verán | ||
---|---|---|
Día | Horario de mañán | Horario de tarde |
De martes a sábado | de 10.30h a 14h | De 16h a 20h |
Domingo | de 10.30h a 13h | |
Luns pechado |
Visitas guiadas: 10:45, 13:15 y 19:15h. Horarios vixentes excepto en horarios de misas ou actos relixiosos.
16 de xullo , 10 e 31 de agosto pechado por festa local.
Se desexan consultar cambios no horario ou pedir cita para grupos,… poden chamar ao teléfono: 982 132 607
Basílica de San Martiño |
No marco das intervencións de rehabilitación da Basílica de San Martiño de Mondoñedo, realizadas nos anos 2007-2008, incluíuse a restauración das pinturas murais que estaban xa á vista e maila recuperación de novas escenas que se atopaban agochadas baixo encalados.
Durante estes traballos, foi posible recuperar unha importante e inédita superficie policromada, situada na vouta de canón que cubre o transepto sur, e o muro testeiro correspondente, de frescos datados nos primeiros anos do século XII, sendo as únicas de tal época que se conservan en Galicia.
As escenas rescatadas representan a Asunción de María, levada por arcanxos e acompañada por un coro de santos e mártires.
Tamén pertencen a ese mesmo momento as pinturas que se poden ver en todo o muro testeiro do cruceiro, e que xa se podían ver con anterioridade. De arriba abaixo: os Reis Magos a cabalo, camiño de Belén; a cea do rico Epulón e o pobre Lázaro, e pasamento de Epulón; e resurrección de Lázaro, parcialmente agochada pola escena de Sta. Bárbara, do s. XV.
En canto ás pinturas máis recentes, do s. XVI, situadas nos dous absidiolos, tamén se recuperaron paneis descoñecidos, ubicados en ámbolas dúas voutas. Na capela norte, vemos a representación da Crucifixión e iconografía afín: anxos tenantes con atributos da paixón, vouta celeste coa lúa e o sol, os dous ladróns..., e na capela sur, diversos personaxes como Habacuc, dous pastores, David, o abrazo de S. Xaquín e Sta. Ana ante a Porta Dourada, presidido polo busto do Pai Eterno, acompañado de catro personaxes bíblicos: Helías, Moisés, Abraham e David, que tiveron unha relación especial con Deus.
O castro de Fazouro, aínda que non podemos precisar con exactitude o momento inicial do asentamento, podemos encadrar as tipoloxías que conservamos en entre os séculos I e II d.C. Está encravado na parroquia de Fazouro, pegado á baixada este da praia de Arealonga. Concretamente no lugar chamado "Punta do Castro”, unha pequena península que se interna no mar, sobre unha zona acantilada.
Aínda que existen máis castros, é o único que se atopa escavado e que se pode visitar libremente. O xacemento escavado abrangue unha superficie de 307 m2, calculándose que o recinto en total corresponde a uns 700 m2 aproximadamente. Podemos observar 9 vivendas cunha estrutura cuadrangular, agás unha ovalada.
Neste xacemento se atoparon diferentes elementos como bancos de pedra pegados aos muros, potas, xarras,…
Castro de Fazouro | Castro de Fazouro | Castro de Fazouro | Castro de Fazouro |
Na parroquia de Santa Cecilia, e a unha altitude de 429 m, atópanse os restos da fortaleza A Frouxeira. Nesta fortaleza gorecíase o mariscal Pedro Pardo de Cela, que grazas á súa situación estratéxica facían dela un bastión natural practicamente inexpugnable.
Esta fortaleza sufriu graves danos durante a Revolta Irmandiña e foi reconstruída. Non obstante o asedio por parte das tropas reais do Gobernador Fernando de Acuña, supuxo a súa destrución definitiva.
A fortaleza de A Frouxeira é protagonista de numerosas lendas. Entre elas atopamos a que fala da existencia dun túnel entre a fortaleza e a torre que se atopa en Alfoz. Así como outra na que se conta que en A Frouxeira existe un caldeiro cheo de ouro e se alguén cava para atopalo, sobrevirá a tormenta. Se damos co sitio axeitado, o caldeiro desviarase e só poderá dar con el un cabalo dándolle cunha pata.
Existe tamén outra lenda que envolve a execución do mariscal. Despois de ser apresado na súa fortaleza de A Frouxeira polas tropas reais enviadas polos Reis Católicos, aos que Pardo de Cela enfrontárase ao defender a lexitimidade da sucesión de Dona Xoana "a Beltranexa" contra Isabel "a Católica", foi condenado a morte e o 17 de decembro de 1483, foi degolado na praza maior de Mondoñedo. A lenda conta que durante a súa execución, a súa cabeza rodaba dicindo "credo, credo, credo,", mentres a súa muller, que traía o seu indulto, era entretida e escoitaba as campás da catedral tocar morto, descoñecendo que era polo seu marido. Dende aquela o lugar onde foi entretida a muller do mariscal chámaselle "ponte do pasatempo".
Podemos visitar as ruínas da fortaleza do Mariscal de forma libre, imaxinando como era a vida naquel recinto e mesmo buscar que formas singulares se conforman nelas.
Hórreo (Cabozo)O vocábulo máis común que se utiliza para designar esta construción é o de HÓRREO, derivado do termo latino hórreum, procedente á súa vez do grego oreión, que identifica a un celeiro ou depósito. En galego ten outros nomes como: cabazo, cabaceira, cabaceiro, cabaz, cabozo, celeiro, canstro, espigueiro, palleira, piorno,… O termo máis utilizado en Foz e en A Mariña de Lugo é o de cabozo. O hórreo é unha das máximas expresións da arquitectura popular. A súa altura impide o paso dos ratos ou a humidade que se xera nunha zona tan chuviosa como é Galicia. A través das fendas entra a aireación que necesita o gran de millo. Na actualidade algúns donos utilízanos como vulgar trasteiro ou mesmo están en desuso. O tipo máis abundante consta dunha caixa prismática con múltiples buratos nas súas paredes para facilitar a aireación (chámanse "aires" ou "ventos"), a caixa prismática chámase "celeiro" (almacén). Aséntase sobre columnas que se chaman "pés" ou muros transversais que levan enriba capiteis redondos ou pedras rectangulares planas chamados "tornarratos" que impiden que os roedores accedan ao gran. Os pináculos ou cantos rodados sobre o lousado, son para evitar que o vento arranque as lousas. Non teñen nada que ver con vellas lendas que se lles atribuíron. |
Ao Xico |